Factoría DeMente

A esmorga

1417118901_1.jpg

O pasado venres 21 do presente mes estreouse o filme "A esmorga", gozando dunha grande acollida na súa primeira fin de semana de proxección. Uns días antes, o mércores 19, asistimos a unha charla-coloquio co director, os protagonistas e parte do equipo técnico do filme, na Escola Superior de Arte Dramático de Vigo. Estas son as impresións que recollemos.

Comezou a ronda de intervencións o propio director, Ignacio Vilar, que contou que a súa teima, neste seu quinto filme, foi conseguir a atmósfera plasmada por Blanco Amor na súa obra, asegurando que isto significaba "un corte radical" co que fixera ata o de agora. Explicou que foi esta unha rodaxe moi dura, xa que as condicións de choiva e frío nas que se levou a cabo foran moi exisentes. No plano máis técnico, salientou que a cámara sempre estivo en movemento, polo que é un plano-secuencia onde non hai cortes, onde cada ún dos tres actores aportou un alto grao de creatividade. Parte da rodaxe levouse a cabo nunha residencia do Carballiño, onde estiveron encerrados durante quince días.

Preguntado por un dos presentes, tras unha reflexión sobre o "botellón" actual e a conexión coa época na que transcorre a película, Vilar respondeu: "o botellón é unha circunstancia, a esmorga é algo transcendental. Cando me preguntan que é A Esmorga, eu contesto que fixen unha película para contestar o que é".

3r.jpg

Seguiu o actor Karra Elejalde, que interpreta ao "bocas", e que fixo que os ali presentes botáramos unhas boas risas, asegurando que non aprendera a falar galego máis alá das 115 frases do seu guión e que temos o mellor pan do mundo. Cinguíndose ao filme, asegurou que era unha película atípica e que el obsesionouse en darlle vida a súa personaxe a través da súa propia xestualidade persoal. Dixo ademáis que é mais difícil interpretar cando recibes que cando emites, e rematou dicindo: "es una peli con un caldo gordo de gallina vieja".

O papel de "Cibrán" recaeu sobre o actor Miguel de Lira: "Queríamos facer non só unha historia, senón unha historia verdadeira". Recordou os tempos nos que lle obrigaban a ler A Esmorga e, agora, o seu obxectivo era contar unha Esmorga por pracer e non por obrigación. O máis complicado para De Lira foi "o tempo interno e os vasos comunicantes para conectar entre sí as personaxes", ademais contou que "cando interpretas a un borracho é dificil non sobreactuar".

Antonio Durán "Morris" foi o encargado de darlle vida a "Milhomes". Asegurou que moitas veces durante a rodaxe do filme entraran en situacións extremas, sendo moi difícil manter a relación de tódolas personaxes nun mesmo plano-secuencia. Referíndose ao tema do "botellón", que mencionara un espectador, sentenciou: "esta esmorga ten máis que ver coa vida que co botellón".

2r.jpg

Tra-las intervencións de director e protagonistas, falou parte do equipo técnico sobre a caracterización e ambientación do filme e pasouse a responder ás preguntas do alumnado da ESAD, para manter despois unha charla con eles. Unha vez rematado o acto mantiveron amigables conversas cos alí presentes.

Así pois, o factor demencial desta quenda é para Ignacio Vilar e compañía por seguir a facer cine e, sobre todo, por facelo en galego e en plena crise económico-cultural.

Texto por ©Kame e ©Carolina Mozas - Fotos e vídeo por ©Kame


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: